Buscaminas para Curses No Buscaminas preséntaselle un taboleiro que contén certo número de minas ocultas. En cada turno ten que destapar un ou máis cadros para que amosen o seu contido; para gañar debe deducir a localización de cada mina sen destapar unha. Pode poñer "bandeiras" no taboleiro para lembrar onde están as minas; os cadros con bandeira non se poden destapar mentres non se lles quite a bandeira. Gaña cando tódolos cadros sen mina estean destapados. Ao destapar un cadro que contén unha mina ha perder o xogo inmediatamente. Ao destapar un cadro que non contén unha mina háselle amosar o seu contido: un número que indica cantas minas hai nos cadros veciños a ese cadro. Se non hai minas veciñas a un cadro, destápanse automaticamente tódolos cadros veciños. Para desprazar o cursor polo taboleiro empregue as teclas das frechas. Ao premer "f" ponse ou quítase unha bandeira na posición actual do cursor. Ao premer "Intro" nun cadro tapado hase destapar. Ao premer "Intro" nun cadro destapado que ten exactamente tantas bandeiras veciñas coma minas veciñas hase facer que se destapen tódolos cadros que rodean a ese cadro (teña en conta que se cometeu un erro ao poñer as bandeiras, ha perder cando o faga). Para comezar un novo xogo, prema "n". Pódense gravar e cargar os xogos se preme "s" e "L", respectivamente, e despois escribe o nome do ficheiro no que quere gravar ou do que quere cargar o xogo. Para saír, prema "q".